martes, 1 de julio de 2008

Día 24-> A análise

Rematou a Eurocopa de Austria e Suíza, unha Euro entrañable que comezou con paisaxes idílicas e que deixounos grandes momentos de bo fútbol combinados con grandes emocións. Foi a Euro do fútbol bonito, do de sempre. Esta Euro devolveunos con creces o que nos quitou a de Portugal coa vitoria dunha rácana Grecia.

Para a historia quedarán os finais dos encontros de Turquía, a revolución rusa ante holanda, o toque e máis toque de España, a decepción de Francia e de Portugal, a fé turca, a solidez alemana e sobre todo que os nosos foron os campións

Tamén demostrou que o fútbol é xusto gañando a mellor, España. Demostrouno dende o primeiro día arrasando dende o comezo e gañando todos os partidos con xustiza. Sempre recordaremos varias cousas desta Euro. Os goles de Villa nun comezo fulgurante da Euro, os épicos penaltis ante Italia cun gran Iker Casillas, as bágoas do "Guaje" tras lesionarse na semi ante Rusia, pero tamén recordaremos con agarimo o repaso aos de Hiddink na segunda metade e o "Guaje" celebrandoo a pata coxa. Da final quedarémonos co gol de Torres, o sucesor de Marcelino e co gran momento onde Iker levantaba o trofeo como un héroe. Así como os preciosos xestos ao rematar o encontro de Palop coa camiseta de Arconada ou de Sergio Ramos recordando a Antonio Puerta.

Ao mesmo tempo tamén as imaxes da celebración quedará grabada das nosas retinas. Os xogadores saíndo do vestiario en calzóns, Fábregas recomendando a afección que se emborracharan ou Villa collendo o micrófono para decir que esa era, en directo dende Viena a celebracións dos "putos" campións. O recibimento en Colón foi espectacular e os xogadores tamén demostraron dotes de humoristas, sobre todo Pepe Reina que fixo unha sublime presentación de todos os seus compañeiros.

Mención aparte merece Luis Aragonés que fixo un grupo, unha piña, sen medo a nada que creeuse que podía gañar esta Euro e tanto o desexaban que o conseguiron. Agora Luis marcharase, pero pola porta grande con todos os afeccionados pedindo que se quede. Pero coa satisfacción de facer algo grande e de deixar moito traballo feito para o seu sucesor. O manteo dos seus xogadores xunto cos seus cánticos mostran o cariño que lle tiñan ao seu míster.

Eu paseino moi ben nesta Euro, bastante mellor que na de Portugal. Espero que vos gustara este traballo día a día no blog no que puxemos todas as gañas para intentar estar a altura, a altura desta gran Euro. Espero que nos atopemos de novo para o 2010, en Sudáfrica e que de novo "eses tolos baixiños", que tantas alegrías nos deron neste xuño máxico, fagan algo moi grande.

Un saúdo.

Día 23-> A final

ALEMAÑA 0-1 ESPAÑA-> 44 ANOS DESPOIS, ESPAÑA CORÓASE EN VIENA

Hoxe é un día para a historia do noso fútbol. España, a España de Luis, a dos xogóns, a do toque e a que deslumbrou a media Europa rompeu todos os tópicos e coronouse como campión alzando a Copa ao ceo de Viena.

O partido no Ernst Happel comezou cunha dura presión alemana, a que España non soubo contrarrestar con facilidade nos primeiros 15 minutos do encontro. Entón os afeccionados da Vermella desesperaban vendo como Sergio Ramos regalaba unha ocasión clara a Klose ou como Ballack superaba a Puyol pero os alemanes non tiveron nestas 2 xogadas a efectividade de sempre. Pero pronto España colleu a manixa do partido, desde que Marcos Senna comezou a impoñer a súa lei nesa medular. España combinaba e Iniesta mandou un centro envelenado que tras tocar en Mertesacker casi se cola na porta de Lehmann, que se tivo que emplear a fondo. Despois España creceuse e Torres enviou un cabezazo ao pao, pero iso era simplemente un aviso. Porque Torres pelexou con todo un pase de Xavi, gañoulle en velocidade a Lahm e picoulla por encima a Lehmann. Toda España empurrou esa vaselina que se colou pasenillamente nas mallas. España golpeaba primeiro, pero quedaba demasiado. No que quedaba de primeira metade España seguiu apostando polo mesmo, non se meteu atrás e os duros alemanes simplemente buscaron a tángana pero o único que conseguiron foi un discutido cartón marelo para Iker Casillas.

Na reanudación esperabamos unha presión alemana importante, pero España sacou uns minutos moi bos de fútbol para ter as mellores ocasións do partido. Sergio Ramos fixo practicamente de dianteiro centro en varias ocasións pero non era o día, de cara ao gol, do de Camas. Torres tamén a tivo, pero o 9 do Liverpool non se conseguiu acadar o segundo. España perdoaba e Alemaña contestou cun dereitazo de Ballack que rozou o pao da meta de Casillas. Pero España non se atemorizou e dende entón non sufriu máis, buscando o segundo que sentenciara por completo aos alemáns. Lehmann fixo un paradón nun remate de cabeza nun saque de falta, e pouco despois Frings sacou coa rodilla e baixou paos un tiro de Xavi, que ben puido ser o segundo. Quedaban 20 minutos pero Alemaña xa tirou a toalla e España dispuxo de dúas clarísimas. Torres fallou antes de ser cambiado por Güiza e nunha das mellores xogadas da Vermella Güiza asistiu de cabeza para que Senna empurrara, pero o do Vilarreal non chegou por centímetros. Algúns como Villa no banco, mordían as uñas polos nervios, pero ninguén moveu o marcador do Pratter de Viena e cando o árbitro pitou toda España berrou de ledicia.

Pouco despois Casillas levantou a Eurocopa. E comezou a festa, a pé de campo, unha festa que continuou no vestiario, en Innsbruck e na chegada a España cun paseo triunfal ata a praza dos xogóns. Porque nesta Eurocopa gañou o bo xogo, o de toque, o español. Para rematar a faena España recibiu case todos os galardóns. O "Guaje" Villa foi o pichichi desta Euro con 4 goles, Iker Casillas o menos goleado e Xavi o mellor xogador de todo o torneo. O fin de festa en Austria foi precioso, unha terra da que nunca nos esqueceremos porque moitos hoxe vimos a primeira Euro para o noso país.

Un saúdo.

domingo, 29 de junio de 2008

Día 23-> A previa

Chegou o día máis importante desta Euro e todo xa está preparado. Todas as localidades vendidas no Ernst Happel e todo o mundo co seu favorito na cabeza.

Tamén temos os dous equipos. Por un lado España, co seu xogo de toque de calidade buscando conquistar unha Eurocopa despois de 44 anos e ademais merecendoa grazas ao seu gran xogo.

Enfronte a contundencia alemana, dos tanques, do espírito competitivo alemán inigualable. Pero o seu xogo nesta Euro non foi gran cousa pero nunha final nunca, nunca te podes fiar.

España pode facer historia, pode ser a primeira campiona vencendo todos os encontros simplemente vencendo hoxe. Tamén estará en xogo o pichichi, de momento con Villa de líder a espera de que Podolski non anote ningún tanto hoxe.

Luis apostará ao final por un 4-5-1, modificando o esquema de sempre pola lesión do "Guaje". Xogará Casillas na porta, defensa de catro con Capdevila, Puyol, Marchena e Sergio Ramos; por diante Iniesta, Xavi, Fábregas, Senna e Silva e na punta de ataque Torres en solitario.

A industria alemana formará tamén cun 4-5-1 con Lehmann na porta, defensa con Friederich, Mertesacker, Metzelder e Lahm; Hitzlpielsger, Frings, Ballack, Schweinsteiger e Lukas Podolski na creacióne na punto Klose.

A hora as 20:45, o estadio o Ernst Happel de Viena e todos os españois estaremos animando e mirandoo por Cuatro, a cadena da Eurocopa.

Un saúdo.

sábado, 28 de junio de 2008

Día 21-> A análise

España segue de festa, todos desfrutamos onte coa nosa selección e non só españois. Toda Europa, excepto os rusos desfrutaron co xogo preciso de toque e a calidade dos pequenos españois.

O estilo e a proposta están moi clariños simplemente hai que presentalos o domingo ante Alemaña e todo para gañar unha Euro. De momento demostramos que xogamos mellor que nadie, e metímonos na final tras 24 anos. Pode que a efectividade alemana nos gañe pero que nos quiten o bailado.

Outro motivo a favor son os paralelismos coa selección de basket de Xapón. Esta selección é un grupo, pensan todos xuntos, celebran os goles como unha piña, en resumo, algo xenial. Para rematala nas semis lesionouse un xogador clave, Villa en Austria e Pau Gasol en Xapón. A historia repítese e aquel equipazo de basket foi campión.

De momento seguiremos vivindo o noso soño ata ese domingo, o día 23 desta Euro, onde todos quererían estar pero simplemente está España e Alemaña.

Ese día 23 voltaremos, coa previa e por último coa crónica e remataremos o luns cun análise que pechará esta marabillosa Euro.

A desfrutar, un saúdo.

viernes, 27 de junio de 2008

Día 20-> 2ª semifinal

RUSIA 0-3 ESPAÑA-> ODA AO FÚTBOL ESPAÑOLA

España meteuse na final dando un recital de fútbol de ataque nunha segunda metade que quedará para a historia da Euro cun xogo espectacular, de toque e bailando aos rusos en todo momento. O domingo repetiremos en Viena, o que queriamos. A mala nova do día foi a lesión do "Guaje" Villa, o pichichi da Eurocopa, que se perderá a final.

O espectaculo español comezou un pouco atascado. Nos comezos da semifinal caia unha tormenta sobre o Ernst Happel, España dominiba nestes comezos e case Villa marcou cun disparo lonxano. Pero no 30 chegou a mala noticia do partido, Villa sufriu un tirón lanzando unha falta e o "Guaje" retirouse ao banco con lágrimas nos ollos pensando no momento que se estaba perdendo, e na súa mala sorte. España demostrou que é un equipo, animaron a Villa no banco e sobre todo no campo co xogo, tanto que o asturiano rematou saltando a pata coxa para celebralo. Pero non todo foi fácil xa que o cambio ao 4-5-1 desconcentrou aos españois e chegou a ocasión rusa do encontro. Non foi Arshavin, foi Pavlyuchenco que colleu o balón e pegouna pero estaba Iker para facer un paradón coa punta das súas luvas. E despois o mismo punta ruso controlou mal un balón na área pequena que fixo suspirar a toda España que estaba pendente do televisor. Acabou a primeira metade e chegou a charla de Luis que tivo máis frutos que nunca.

Comezou a segunda parte con España tocando, buscando a xogada fácil, os espacios e os rusos non collían un balón. Nunha desas Iniesta fixo a primeira xenialidade da noite, revolveuse na banda esquerda colocou un centro chut, e o seu compañeiro do Barça entrou con todo para colarlla entre as pernas a Afinkeev. Despois continuou o fútbol total español con Cesc levando a batuta e con perigosas internadas de Sergio Ramos, pero non era o día de Torres que estaba negado. Chegaron os cambios e entrou Xabi Alonso para reforzar a medular e Güiza na punta do ataque por Xavi, que non tiña o día inspirado e por un desacertado Torres. Parecía que todo ía de perlas e xa parara incluso de chover, o único problema era que non chegaba o segundo. Pero Fábregas fixo outro xenialidade colocando a Güiza en liza de gol e o arqueiro apareceu por Viena para cruzarlla a un desesperado arqueiro ruso. Todo estaba perfecto, todos vibrabamos nunha noite memorable pero todavía quedaba a guinda. Quedaban dez e Iniesta levantouna para Cesc que fai o fútbol fácil e lle puxo un balón a Silva para que colocara o merecido 3-0, o gol que se lle resistira ante Italia chegoulle ao canario. E o partido rematou con España facendo un rondo e con Hiddink pedindo o indulto para uns rusos desbordados ante o toque español.

O domingo espera Alemaña, pero iso será outra cousa, de momento desfrutemos.

Un saúdo.

jueves, 26 de junio de 2008

Día 20-> A previa

Chegou o partido para España. Xa sabemos que dende cuartos todo son finales, pero se os nosos hoxe non gañan a Rusia, o feito ante Italia solo rachará o maleficio e non poderíamos estar no soñada final. Pero a pregunta para hoxe e a de sempre, ¿podemos, ou non podemos?.

En principio a historia con Rusia non é tan negra. España nunca perdeu unhas semifinais, e ademais das 9 veces que nos enfrontamos a Rusia vencemos en 5. Pero iso da igual, xa vimos o domingo que as estatísticas están para rachalas, pero hoxe esperemos que non.

Nesta mesma Euro, España xa se enfrontou a Rusia vencendo 4-1. Pero non é o mesmo. Os rusos non tiñan a motivación de hoxe e Arshavin (baixa ante España) revoluciona por completo o estilo e o sistema de Hiddink. En resumo, son unha selección moi perigosa e teremos que loitar ata o final se queremos ter opcións de meternos na gran final.

O importante seguramente estará no feito de que equipo domino o balón, os dous desfrutan con él nos pés e tanto un, como o outro non son expertos en meterse atrás e defender. Polo tanto España debe contemporizar con Xavi, Iniesta e Silva e irse impoñendo pouco a pouco.

Luis apostará polo mesmo once de sempre co 4-4-2, con Casillas na porta; liña de catro atrás con Ramos, Puyol, Marchena e Capdevila; na creación Iniesta, Senna, Xavi e Silva e por diante Torres e Villa.

Por parte rusa Hiddink colocará sobre o Ernst Happel outro 4-4-2 con Akinfeev na porta; Anyukov, Ignashevic, Berezoutski e Zhirkov; na medular apostará por Zyrianov, Semak, Saenko e Semshov; na punta de ataque unha das parellas máis temidas formadas por Arshavin e Pavlyuchenko.

O escenario será o mesmo do outro día, o Ernst Happel de Viena, a hora a mesma, as 20:45 e a cadea para velo volta a ser Cuatro. Veremos o que acontece, pero mellor que ninguén o perda.

Un saúdo.

Hiddink

Día 19-> 1ª semifinal

ALEMAÑA 3-2 TURQUÍA-> UNHA POBRE ALEMAÑA GAÑA NOUTRO PARTIDO TOLO

Turquía despediuse desta Euro nas semis e nun partido tolo, como a eles lles gustan e nos que normalmente solen gañar, pero hoxe Alemaña foi unha locomotora que conseguiu dobregar a pasión turca.

Hoxe vimos un partidazo en Basilea onde Turquía levou os mandos dos encontros e pagou cun gol ao final recibindo a mesma menciña que eles lle aplicaran a Suiza, a R. Checa e a Croacia facendo o papel de vítimas.

Os primeiros minutos foron para os turcos que aproveitaron o arreón inicial para crear numerosos problemas sobre a porta de Lehmann. Tiveron un balón no pao e no 21 recibiron o seu premio. Foi unha bonita xogada de estratexia preparada dende o saque de banda que rematou cun disparo ao longueiro. Ugur Boral recolleu o rexeite e en semifallo meteulla entre as pernas a un desacertado Lehmann. Alemaña sufria porque non tiña o balón, pero en canto o colleu foi letal. Coa relaxación turca tralo gol Podolski fixo unha gran xogada por banda que deixou en liza a Schweinsteiger para facer o 1-1. Solo pasaran 5 minutos dende o gol turco e os competitivos alemanes demostraron a súa fama. Ata o intermedio seguiu dominando os de Fatih Terim e solo a sorte e evitou que a industria pesada acabase por debaixo no electrónico.

A segunda parte comezou tranquila, teríamos que ter en conta o baixón físico turco e a sorprendente pasividade alemana que simplemente atacaba por momentos. Parecía difícil que os de Low gañaran o encontro con tan poucas cousas, pero o final demostraron que si o poden facer. Bussaca, o árbitro suizo, puxo a emoción tragándose dous penaltis un por cada bando que cambiarían por completo a decoración do partido de Basilea. Quedaban menos de 15 minutos pero como en todos os finais de Turquía desatouse a locura. De novo comezou todo grazas a un erro de Rustu que provocou que Klose rematara con facilidade ao fondo das redes un balón colgado sen aparente perigo. Pero os turcos sacaron a fé, as gañas e as forzas de onde non as tiñan e lograron igualar a contenda. De novo foi Semith Senturk o heroe turco que aproveitou un erro de Lehmann e unha preciosa xogada de Sabri. Alemaña probara a medicina turca pero contestou no 88 na mellor xogada do partido que foi unha parede que Lahm, o lateral dereito, empurrou as redes como se fose o mellor dianteiro da Euro engañando cunha tranquilidade pasmosa a Rustu.

Foi o final do soño turco, da forma da que eles remataran cos soños dos seus rivais durante esta Euro. Alemaña, facendo simplemente o xusto durante toda a Euro xa está na final e espera rival. Rusia ou España, pero diso xa falaremos mañán con moita calma.

Un saúdo.